Sobre punitivismo e disolución no grupo

Agora que nós mesmas baleiramos de contido os termos, pregúntome canto de superficialidade teórica, canto de estratexia política opera nesta intención.
Como antipunitivistas observamos como o Estado amplía o abano co intento de criminalizar, punir, reprimir con maior dureza calquera acción ben laxa. O que antes chamaban bandalismo, danos, desordes, hoxe é terrorismo e a sociedade, sen cuestionar, reproduce o discurso (recentemente aconteceu co «terrorismo» de Resistencia Galega). Do mesmo xeito no que a socidedae anula o cuestionamento ao status quo, vemos como, a través dos focos de autoridade, buscades o discurso uniforme.
A mellor forma de protexer o poder é a difamación («minte, que algo queda»)* e a protección do discurso único, lexitimándoo a través do castigo e o condicionamento a través do medo, totalitarismo. Destruír a subxetividade a través do sentimento de pertenza a un grupo e a disolución neste a través da adaptación. Xa temos unha maioría domesticada; agora toca perseguir a desobediencia, aleccionar ao colectivo a través do ensañamento coas individualidades que non foron sometidas. Recorda, non poñas un pé fóra do camiño, non cuestiones. O cuestionamento enténdese neste caso como sinónimo de desobediencia, de oposición, de non-adaptación.

A crítica cuestiona ao poder, por iso se criminaliza e castiga a través do illamento social entre outras medidas. Recorda, o camiño prefixado non conleva tantas molestias; recorda, se asumes tés cobertura.

As institucións operan, reformulan, criminalizan, sentan precedentes. Lexislan.

É o feminismo unha institución? Como operamos? Que ferramentas temos e que uso facemos delas? Cal é a estratexia?

Ter usado o termo violación para calquer tipo de agresión física, ou mesmo equiparando tamén actitudes, difuminando a multiplicidade de orixes destas, parte da pouca reflexión? Ou tendes unha intención concreta? Acaso o feito de equiparar as violencias antes, durante e agora permítevos un paraugas máis amplo para castigar. De donde vén esa necesidade de castigo? É que focalizades a dor e rabia que nos xera o patriarcado tentando traspasala sen transformala, mantendo as dinámicas de poder intactas, e anulando así a súa potencialidade emancipadora.

A criminalización mediática que tamén reproducides a través da carreira polo discurso xera un entorno social receptivo á represión e á aceptación do castigo, agochado baixo eslóganes baleiros e a carencia de explicación ao colectivo (ese típico «algo faría»). Sabiades todas vós, durante a «performance», a que acusacións se «enfrontaban» os homes aos que xulgastes?. Isto parte dunha intención planificada de indefensión? As críticas somos machistas. Os homes non poden defenderse. E as persoas non binarias son danos colaterais. Tiñades pensado de antemán a campaña de montaxe para calar as nosas voces? En definitiva, consciente ou inconscientemente, preparastes o terreo da represión, reproducindo o mesmo que en teoría pretendemos mudar.

Ides a xustificarvos tal cual un xornal nunha columna perdida da décima páxina? Despois de ternos exposto a todas, os corpos de todas, as de fóra e as de dentro do gueto. Falastes por todas no momento no que vos autoerixistes como vangarda liberadora. Máis ben impuxéstesvos; vós, voz única. E continuamos asumindo as consecuencias que vós non asumides. E, dito sexa de paso, non creo que esteades a entender a crítica. A crítica ás estratexias totalitarias, a crítica á autoridade e aos grupos de poder (explícitos ou implícitos) que a sustentan.