Seis razóns e un chamamento

6 razóns polas que ese grupo co que te reunes é unha seita potencialmente perigosa tanto para ti como para terceiras persoas e 1 chamamento:

Es xoven, acabas de chegar a unha cidade nova e coñeces a máis persoas coas que compartes intereses e preocupacións. Vivimos un «boom» do feminismo, así que es consciente das humillacións, discriminacións, violencias e inxustizas que viviches ou podes chegar a vivir polo feito de ser muller. A busca de respostas a preguntas intelectuais e emotivas, a insatisfacción persoal e o descontento coa sociedade leva a moitas e moitos de nós a procurar unha saída colectiva e política que mude a realidade que nos oprime. Pero ollo, non todo o monte é ourego e moitas promesas de cambio e liberdade esconden loitas de poder e manipulacións atroces que poden converter a túa rabia revolucionaria nun castigo.

Aquí vai unha serie de sinais aos que debes prestar atención e que che axudarán a discernir entre un grupo político e unha seita. Pode que che soe esaxerado ou paranoico, pero en épocas coma esta de indefensión social e auxe dos fascismos, debemos manter os ollos abertos.

    • Se tes que abrir a túa conciencia ou confesarte en plenario: ring the alarm! Nun grupo político, do tipo que sexa, nunca se che pedirá que relates vivencias íntimas. Iso, en todo caso, é propio de grupos de autoaxuda que coñecerás sobre todo por películas ianquis.
    • Ninguén pode limitar a túa intelectualidade. É certo que todo grupo político segue determinadas liñas ideolóxicas e estratéxicas, principios básicos que regulan as suas accións. Pero loxicamante, seguen aportacións e escritos razoados e argumentados, baseados nun pensamento científico e crítico e sobre os que hai formacións e debates, non en opinións ou vivencias. Existen exemplos concretos que nos poñen diante de realidades máis complexas, pero ninguén é máis coñecedor dunha determinada situación por vivila, xa que se precisa dunha distancia reflexiva para conceptualizala, analizala e propor alternativas. As vivencias están mediadas pola ideoloxía.
    • Cando «X» fala, a reflexión xa está feita. Se alguén expón un conflito concreto sobre o cal hai que actuar e non se permite o debate acerca da existencia ou realidade dese conflito (cando non se refire aos principios sobre os que se organiza o grupo); se diante da mera dúbida ou argumento se responde de forma concluínte ou autoritaria, ameazando directa ou indirectamente coa expulsión do grupo ou facendo ver que non se é merecedora de estar nel.
    • Todas as accións cometidas polos membros son xustificadas e/ou loadas.
    • Se se trata dun grupo fortemente afectivo e autosuficiente en canto a relacións persoais en detrimento doutras. Non nos equivoquemos, a camaradaría, a solidariedade e o compañeirismo son esenciais para un bo funcionamento, ademáis dunha proposta social fronte ao individualismo e a competitividade. Pero se existe un control das túas relacións persoais, sexuais e familiares que trae consigo a fiscalización das mesmas e incluso a burla ou acoso, derivando nun cambio de amizades e comportamento que fai que vivas nunha burbulla social, estás en situación de risco. Calquera persoa que pretenda controlar, utilizar ou maltratar a outra, comezará restrinxindo e criticando os seus vínculos sociais.
    • Se o grupo é o único lugar onde se manifesta e vive a verdade. Se calquera relación ou aportación exterior é mal vista, ou como mínimo levanta desconfianza.

Para levar a cabo este tipo de comportamentos e proxectos, non é necesario ir na procura dun gran poder político, económico ou sexual. Hai a quen lle chega con exercer poder directamente sobre quen ten máis cerca. Buscan persoas cunha certa afinidade, ás que moldear fácilmente. Se es xoven e non tes moita formación política, se tes pasado por situacións traumáticas ou humillantes e non tes axuda para afrontalas, se tes doenzas físicas ou psicolóxicas, inseguridades…

O sucedido o primeiro sábado de xuño no CSOA Aturuxo de Compostela, é un caso clarísimo de comportamento sectáreo. O secretismo, as humillacións e o maltrato levados a cabo así como as reaccións posteriores de falso arrepentimento cara xente achegada, silencio, escusa ou mesmo exaltación póñennos sobre aviso: a situación parece peor do que algunas persoas imaxinabamos. Non podemos quedarnos a un lado e pensar «para a próxima xa escollerán mellor con quen andan», porque pode ocorrer en calquera espazo da sociedade.

Isto é un chamamento a posicionarse, debater e relfexionar. Xa non cola máis o pretexto de que «son catro tolas ás que ninguén fai caso logo», as catro foron corenta. Levan anos operando e medindo as súas forzas, acusando e difamando, dando recompensas aos seguidores fieis (ata un día) e proclamando castigo e vinganza contra ás voces discordantes. Non é un caso que atinxa só ao ámbito do okupa ou libertario, pois somos coñecedoras de casos similares -se ben non chegaron a manifestarse da mesma forma ou ata eses límites- en sindicatos e partidos. E agora pretenden colarnos un protocolo parapolicial de burocracia inimaxinable, tribunais autoproclamados e denuncias inquisitoriais como resposta e prevención de casos coma este, cando non é máis que a seu regulamento oficial, coma a violencia ilexítima que se volve lexímita ao acadar o poder. Pasan os días do mes de xuño e o movemento feminista compostelán parece fagotizado: nin cordóns sanitarios nin liñas vermellas, porque ante o trato deshumanizador do fascismo social hai quen prefire manter a salvo a súa «chapita» de radical cando en realidade, calquera persoa preocupada pola situación da muller na sociedade, debería cheirar a onda de reacción que van levantar casos coma este, os camiños andados que van varrer. Pero dende aquí teimamos.