Sobre a banalización da «violación»

O ano pasado por estas datas compartía con algunha de vós a preocupación de como os partidos do cambio usaban os termos, confundindo, distorsionando.

Como se adueñaron da palabra «autoxestión» e, por atrás, asomaba a tutela, a perda de autonomía e da capacidade crítica na hora de reflexionar e na hora de actuar.

Logo vós, tiñades reflexionado sobre a idea de distorsionar o termo «violación»? Parte dunha estratexia cobarde para adhesionar individualidades sen moita información? Feministas que van a respostar a cegas ao chamamento da sororidade.

Agora pregúntome como retornar a confianza e como curar esta ferida, ferida provocada polas compañeiras que dilúen o sentido de violación e opaca de novo esa explicitación que foi tan necesaria xa que noutros momentos se tendía a minimizala. Ninguén quería ver nin ouvir, logo, onde quedo eu? Agora, que todo é maximizado, volto a desaparecer. Entón decídeme, «amigas sororas», onde quedo eu. Onde quedamos as que precisamos o sentido de violación intacto; as que non queremos ser nin víctimas nin supervivintes, as que buscamos autonomía e empoderamento individual, as que non queremos ser salvadas. Nin gentlemen nin vangardas autoerixidas.

Agora vivo sendo «defensora dos homes» (teriamos que darlle unha voltiña a esta expresión, dito de paso) por defenderme. A min e a todas da devaluación das ferramentas que tanto se tardaron en crear, do descrédito; agora tócame a min, tócanos ás outras defendernos na guerra contra o feminismo na que non temos escolla, por supervivencia e por coherencia. Tócanos a nós soas porque non quixestes escoitar nin asumir o que da rabia e a vosa irreflexión saíu: a instrumentalización da sororidade, a devaluación da identificación das agresións, a equiparación das violencias e a inversión de roles de poder, que, por certo, é só válida na ficción do gueto, non na vida real. Na realidade estamos todas expostas á intensidade que vós escollistes por todas, tivéramos ou non oportunidade de decisión nesa «acción», estemos fóra ou dentro do gueto.

Agardei, agardei a que identificárades. Quixen poñer esforzo en recompoñer a confianza quebrada e que saíra unha autocrítica real. Pero iso non aconteceu. Vós xustificástesvos a través da rabia. Nós contivemos a nosa rabia porque nos vimos obrigadas a conter, porque non contamos co privilexio e autoridade do grupo; contivemos a tristeza porque vivimos directamente as consecuencias colectivas e individuais e tivemos que tirar as unhas das outras; e tivemos que conter a ira porque non queremos expornos á instrumentalización e a disolvernos noutro grupo reproducindo así un reflexo do que non acreditamos.

Isto non sae de gratis. Para moitas supuxo problemas persoais, de saude, no laboral; mentres, pediades empatía e xustificastes e minimizastes a irreflexión: «Só supuxo un rato de violencia para uns cantos agresores, violadores, homes» (home como sinónimo de potencial violador agresor). Mesmo nos desacreditastes ás persoas críticas para a vosa autoprotección: en busca dun discurso único?

Pensastes que se se tivera argallado unha acción contra un violador real, concreto, ou se se tiveran atallado as agresións e conflitos analizándoos individualmente sen xeralizar, sen utilizar unha óptica bioloxicista, hoxe estariamos aquí?

Perdimos credibilidade; moitos deses homes, aos que castigastes polos seus precrimes, eran aliados, eran compañeiros que acreditaban nas nosas necesidades, nas nosas denuncias, nas nosas decisións. Non cuestionaron os termos e, con máis ou menos traballo, avanzan coma nós na desposesión dos privilexios. Isto non tén ningún valor? Naceu da nada? Pensei que recolliamos o testigo doutras, e elas, antes, doutras. Ese curro non tén valor? E a iniciativa deles, tampouco o tén? E nós? Como avanzamos na desposesión da nosa condición de privilexiadas, blancas, cisxénero primermundistas? Nós tamén nos resistimos a perder o noso confort e privilexios.