Inicio

Este blog nace pola necesidade de análise, da crítica política dende o anarquismo e o transfeminismo.
Nace tamén cun fin terapéutico, ter un lugar onde envorcar o noso discurso e autocrítica; un lugar onde atoparmos dende a afinidade.
Nace pola necesidade de por voz propia no acontecido nos últimos sucesos en Compostela e as afectacións no entorno libertario galego.
Sabemos que construímos o noso propio relato en torno á nosa subxectividade, polo que decidimos aportar diversas reaccións (ata o de agora inconexas nas redes ou nos círculos persoais) , reflexións propias e materiais relacionados.
Vemos a necesidade de publicar ditas reaccións inda que poidamos non compartir algunhas ou matizaríamos outras, coa intención de reconstruír o contexto sen contaminar e de aportar múltiples visións, mais aló do sesgo das versións persoais, que nacen da vivencia e comprensión da realidade de cada quen.
Pretendemos facilitar unha análise dende a crítica e a individualidade que incida no colectivo a través de ruptura, debate, discurso propio… Pretendemos atopar prácticas para loitar contra o capitalismo e o patriarcado que non caian en actitudes autoritarias, punitivistas, xerárquicas ou de meritocracia; tampouco queremos incluír lóxicas que partan dende a simplificación dicotómica e bioloxicista. Sabemos que é un compromiso vital e dende este, tentaremos construír ferramentas con estas premisas como horizonte.
A escolla dun blog autónomo non é casual: non queremos facilitar a campaña de desprestixio que se está a soster contra proxectos de contrainformación e editoriais anarquistas, a través dos que teriamos, por unha parte, máis facilidade de acceso ás redes, pero tamén de caer na guerra de comunicados, espectacular, que dista moito das nosas intencións.
Tampouco queremos participar da lóxica da inmediatez: este proxecto irá ó noso ritmo, respetando os nosos tempos vitais e dándonos espazo á reflexión persoal.
Consideramos a acción e dinámicas totalitarias escollidas por un sector acrítico dentro do ámbito libertario como ferramentas nin emancipadoras nin válidas. Sabemos que temos moitas temáticas que tocar para analizar e teremos que profundizar en diversos bloques que iremos engadindo en base ós nosos tempos e forzas.